O Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia comeza un ambicioso proxecto para a calibración de bloques patrón lonxitudinais baseado nun sistema interferométrico que usa diodos láser ultraestabilizados.
O pasado 28 de Xaneiro de 2008 tivo lugar, na súa sé da Tecnópole, a reunión inicial do proxecto liderado polo Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia denominado “Sistema interferométrico para a calibración de bloques patrón baseado en láseres de semiconductor ultraestabilizados”.
Este proxecto está financiado mediante os programas sectoriais de investigación aplicada da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, dentro da tecnoloxía sectorial de Deseño e Producción Industrial. Nos próximos tres anos o investimento superará os 145.000€.
Para levalo a cabo, o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia conta coa colaboración dos grupos de investigación de Metroloxía Óptica e Óptica Física da Universidade de Vigo, así como da empresa ourensá Quantex.
O seu obxectivo é deseñar e montar un sistema interferométrico para a calibración de bloques patrón lonxitudinais baseado en láseres semiconductores ultraestabilizados, en contraposición ós tradicionais baseados en láseres de He-Ne. Para dito sistema será necesaria a estabilización dos láseres nas dúas lonxitudes de onda que se precisan, utilizando técnicas similares ás empregadas no atrapamento de átomos.