Software

SreC: Sistema de Recoñecemento de Displays

mércores, 12 de marzo de 2008

Esta é unha versión de proba sinxela e limitada do sistema de lectura automática de instrumentos de medida desenvolvido no LOMG

DESCARGAR SreC

Esta é unha versión de proba sinxela e limitada do sistema de lectura automática de instrumentos de medida desenvolvido no LOMG. O sistema foi orixinalmente desenvolvido para o seu uso no Laboratorio de Temperatura e Humidade Relativa e a súa finalidade é levar a cabo a lectura de displays dixitais de instrumentos (termómetros e termohigrómetros) a partir da imaxe da súa pantalla facendo uso de técnicas de visión por computador co obxectivo de realizar a tarefa de calibración de forma completamente automática, sen necesidade dun procesado posterior. Preténdese, xa que logo, reducir o traballo nas calibracións evitando o labor de supervisión continua e anotación das diferentes medidas.

Con este reducido programa de proba preténdese mostrar o funcionamento do sistema á hora de recoñecer os díxitos procedentes de pantallas deste tipo de instrumentos. Para iso proporciónase a funcionalidade de cargar imaxes previamente capturadas e almacenadas no disco duro (achéganse algúns exemplos co programa) e a interpretación instantánea de capturas desde unha cámara web. Para isto último, o sistema orixinal foi adaptado (no laboratorio utilízase unha cámara específica para visión artificial) e débese ter en conta que o resultado do recoñecedor vai depender en grande medida da calidade das imaxes que a webcam poida proporcionar.

As pantallas a interpretar son sempre numéricas e as probas foron realizadas para termómetros e termohigrómetros nos que se indica temperatura ou humidade con diferentes niveis de precisión. A maior complicación á hora de levar a cabo a interpretación destes dispositivos é a existencia dun gran número de formatos diferentes das súas pantallas e fontes numéricas.

Foron tratados displays de 7 segmentos con carácteres rectos e en cursiva, con diferentes grosores e inclinacións, separación entre carácteres e ata diferentes convenios á hora de representar unha mesma cifra. Tamén foron considerados aparellos con pantallas gráficas que presentan formatos numéricos máis complexos. Finalmente, tratouse de paliar na medida do posible os efectos de pantallas deterioradas por manchas, plásticos protectores e demáis elementos que dificultan a lectura dos instrumentos.

Baixo estas premisas, o sistema foi probado obtendo uns resultados satisfactorios que se resumen nun 99.33 % de acerto sobre 448 imaxes de displays probadas (445 interpretadas correctamente).

Na figura seguinte móstranse exemplos típicos das pantallas probadas e para as que o sistema foi deseñado.

Volver Imprimir
Parque Tecnológico de Galicia | San Cibrao das Viñas | 32900 Ourense
Tel: 988 368 124 | Fax: 988 368 125
lomg@lomg.net