|
Proxecto en colaboración co centro tecnolóxico CIS-Madeira. Duración: 2 anos. Cuantía: 101.430€ Actualmente EN EXECUCIÓN. RESUMO: Este proxecto pretende proporcionar unha forma fiable para medir e controlar a humidade da madeira en serradoiros e empresas do sector madeireiro galego. Para iso, será necesario realizar un estudio sobre as especies de madeira de interese en Galicia, as súas propiedades e a relación destas cos parámetros observados segundo as normas UNE-EN para medida de humidade en madeira. Os dispositivos comerciais empregados na actualidade polas empresas madeireiras (xilohigrómetros resistivos) basean as súas medicións na relación existente entre a resistencia ó paso de corrente eléctrica que presenta a madeira en función da cantidade de auga no seu interior. Sen embargo, esta relación vese influenciada por outros parámetros como o tipo de madeira, densidade, temperatura, etc. Ante esta situación, os instrumentos existentes no mercado dispoñen de curvas de regresión resistencia-humidade que en moitos casos non son axeitadas para a realización de medidas sobre as madeiras propias de Galicia, polo que non é posible a realización de medidas fiables, que garantan a calidade esperada. A partir do estudio do comportamento das especies de madeira galegas, preténdense facer uns patróns que permitan corrixir as medidas dadas polos instrumentos dos que dispoñen as empresas do sector, mellorando o seu rendemento e aproveitamento. Desta forma conseguirase proporcionar un servicio demandado polo sector madeireiro galego, que permitirá manter controlados os parámetros e a calidade da madeira almacenada, unha das materias primas máis amplamente empregada en tódolos sectores do tecido industrial galego.
A labor do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia será fundamental para dar o tratamento metrolóxico adecuado ós experimentos e medidas realizadas. Levará a cabo a caracterización de incertezas para os factores influíntes nas curvas a estudio, análise dos resultados acadados e elaboración das táboas correspondentes. Por outra banda, dada a dilatada experiencia dos seus departamentos de Temperatura e Eléctrico, colaborará de forma activa co persoal do CIS-Madeira na realización das medidas mostrais, centrándose no estudio da relación humidade-resistencia eléctrica. Tamén será tarefa do LOMG a elaboración de prototipos de resistencias para a verificación in situ dos equipos de medida.
|